Os módulos de FOL, EIE e RET, transversais a todos os ciclos formativos de grao medio e superior, supoñen a canle máis axeitada para que o alumnado coñeza como funciona o mercado laboral e achegarlles a realidade que lles espera cando rematen os seus estudos.

Saber cales son as súas opcións laborais cando conclúen o ciclo, que ferramentas utilizar para conseguir un posto de traballo, identificar as obrigas que adquiren cando firman un contrato laboral, saber como deben actuar ante unha situación de emerxencia, recoñecer que pasos dar para poder poñer en marcha unha idea de negocio…..

Todos estes coñecementos adquírense a través dos contidos teóricos que se imparten nos nosos módulos e vense reforzados con outras actividades complementarias e extraescolares que se levan a cabo ao longo do curso.

Dende o departamento de FOL son varias as actividades complementarias que se propoñen para realizar co noso alumnado, e para as cales contamos coa colaboración de organismos e persoas de diferentes ámbitos:

VISITA AOS XULGADOS DO SOCIAL DE VIGO. Asistir co alumnado a xuizos nos que se dirimen os diferentes conflictos que poden xurdir nunha relación laboral achega ao alumnado a importancia de coñecer os seus dereitos laborais, así como saber que facer en caso de que eses dereitos sexan vulnerados. Todos os anos, en diferentes meses, organízanse visitas con todos os ciclos formativos. A experiencia resulta sempre moi positiva e fai reflexionar á rapazada sobre a importancia de ter incluído no seu plan formativo un módulo como o de FOL.

Visita alumnado 1º CS A.F. (curso 2018/2019) ao Xulgado nº 2 de Vigo co xuiz decano Germán María Serrano Espinosa

OBRADOIROS DE PRIMEIROS AUXILIOS. Saber como previr os riscos para a saúde que podemos atopar nos nosos traballos é fundamental, pero non menos importante resulta saber como debemos actuar ante un sinistro onde haxa vítimas, cales son os pasos a dar cando a vida doutra persoa está en perigo e a nosa actuación resulta decisiva para poder salvarlla.

Para esta actividade todos os anos contamos coa colaboración da Asociación Vodea que, mediante varios obradoiros, forma ao noso alumnado para poder prestar unha atención primaria a calquera persoa accidentada que o precise mentres non acuden os servizos especializados.

OBRADOIROS EMPREGO. A inserción no mundo laboral é o obxectivo principal que persegue o noso alumnado: atopar un traballo relacionado cos seus estudos que lles permita desenvolverse e medrar tanto profesional como persoalmente. Para iso todos os anos contamos con Xosé Alberte Cea Rodríguez, responsable do servizo de Orientación Laboral do Concello de Vigo e técnico en proxectos de emprego e formación, que ademais de falarlles ao alumnado da importancia da nosa imaxe dixital e de como utilizar as Redes Sociais na procura de emprego, trata de resolver algunhas das súas dúbidas á hora de enfrontarse á tarefa de buscar traballo: como facer un bo currículum, que poñer e que non poñer, como comportarse nunha entrevista de traballo, como indicar no currículum certos aspectos de nos que non sabemos como poñer….. Dúbidas que, tanto o profesorado do departamento como Xosé Alberte tratamos de resolver.

Este ano, debido á situación orixinada polo Covid, o obradoiro desenvolveuse de xeito on-line, mendiante unha Webinar. Este é un exemplo do que se falou.

FALADOIRO EDUEMPRENDE-ACTÚA. Todos os anos dende o Viveiro de Empresas do centro organízase, para todo o alumnado dos Ciclos Formativos que están a cursar o 2º ano do ciclo, o Faladorio do Programa Eduemprende-Actúa, unha charla impartida por unha persoa técnica do IGAPE xunto co relato dunha experiencia emprendedora, contada en primeira persoa pola súa/seu protagonista.

“A actividade emprendedora como chave para o teu futuro” e unha proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que sensible á necesidade de fomentar o espírito emprendedor no sistema educativo achega esta charla aos centros educativos a través do Programa Eduemprende-Actúa.

OBRADOIROS “FINANZAS PARA MORTAIS”. Tamén dende o Viveiro de Empresas, e coa finalidade de fomentar a cultura financeira no sistema educativo non universitario, promóvese a realización dos obradoiros formativos incluídos no Programa “Finanzas para Mortais” da Consellería de Educación.

Estes programas teñen como principais destinatarios o alumnado dos segundos cursos dos Ciclos Formativos que se imparten no centro e que están a cursar o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora, e son impartidos por personal do Banco Santander S.A., que colabora neste programa.

Hai outras actividades complementarias que tamén se integran nos módulos da nosa especialidade, e que se promoven dende o noso “curruncho”, como son os faladoiros sobre representación sindical impartidos polo representante de persoal do noso centro ou a asistencia a algunha das Xornadas Técnicas impartidas polo ISSGA de Pontevedra.